A bágoa do chícharo

17 Dec

Agás pra aqueles afortunados que lles toque algún petisco na lotaría dentro duns días, o 2011 vai ser un ano seguramente pra esquecer e desexar un cambio de ciclo, coma o que levan soñando hai tempo os pouco “realistas”, ten gracia a cousa, afecionados do Real Madrid. E é que todo o que leva o apelido “real” está a pasar polos seus peores tempos. Non é de estranar que o noso “Rey J.Charles” decidira tapa-los ollos cos seus lentes negros pra non ver o que está sucedendo no seu “cortello” e no Estado ao q representa, que tamén cheira igual de mal. Mais anque o seu traballo sempre permaneceu tapado, el é todo un profesional e representa aos seus tal e como son e adícase a repartir conversas, discursos e copas… e non só a Davis. E por iso pase o que pase, aiquí non pasa nada, e incluso consegue que os partidos declarados republicanos lle fagan a pelota.

Os casos de corrupción que agora non cesan de saír existiron sempre e a tódalas escalas de poder. Que o Estado estaba cheo de corruptos e especuladores estudiábase nas carreiras, pero cando máis nos parecen doer é cando máis soa esa verba que da medo a pronunciar que comeza por “cri-” e remata en “-se”. Así algúns non puideron escapar dela e outros emigraron a tempo até onde máis lonxe puideron. (véase El Pocero)

Agora que a débeda histórica ficou de lado, xa non importa que o Val dos Caídos poida adicarse a fines interpretativos da Guerra Civil coma homenaxe ás vítimas de ambos bandos e pra atraer máis visitantes que os que van ve-lo mausoleo de Franco… porque o pasado queda mal desenterralo,  así que para algúns é mellor borra-la memoria histórica ainda que sexan os mesmos que lle seguen dando voltas conspiranoicas ao asunto  do 11-M… paradoxas desta sociedade.

A atención agora está na débeda económica, da que non se libra ninguén: nin os estados, nin as autonomías, nin os concellos, nin os bancos, nin as caixas (máis en perigo de extinción có lince ibérico) nin as empresas, e por suposto nin os clubes de futbol. A liga BBVA fai honra ao seu nome, porque coma se fora un banco acumula unha débeda de 3.500 millóns de euros entre tódolos seus equipos, repartídondose entre Madrid e Barça 500 millóns cada un. E anque todo o mundo fale do clásico e haxa algúns q se aleden e outros que choren, ninguén merece sentir ningún tipo de emoción por culpa das malas xestións dos impostores que as levan a cabo, só co fin do beneficio propio coma se de empresas se tratasen, e que perxudican ás súas masas sociais, que son as que lles dan de comer cos seus abonos ou coas súas audiencias na TV,  ao igual que sucede cun goberno que recorta prestacións ós seus impositores ou cunha empresa que baixa os soldos á súa man de obra. Ises sí que son uns auténticos linces ibéricos…

Pero novamente aínda que agora saian a relucir as vergoñas dos clubes máis poderosos, os casos de corrupción e caciquismo sempre estiveron presentes en tódolos ámbitos. O caso do clube de futbol da cidade de Ourense é un exemplo do que está a acontecer na sociedade desa cidade. Un clube moi endebedado contrata a un equipo técnico formado por ex-xogadores que,  co obxetivo de ascender de dunha categoría na que leva afundidos tres anos,  consiguen atraer afecionados a un estadio semiruinoso q permenecía semivaleiro cada domingo, por medio de promocións e ofertas, quedando con xogadores saídos dunha canteira dividida por barrios q queren unificar e evitar perdas a outros equipos, contratando a un adestrador de renome que ilusionado co proxecto aguanta tempo sen cobrar, e con xogadores q non chegan a cobrar os 1000 euros, deixan ao equipo, a dia de hoxe no liderato. Pero cometen o erro de quitarlle  a ficha a un xogador q cobraba 2000€, e que casualmente era o fillo do presidente que a sua vez é ex-alcalde e amigo do máximo accionista: O´Padriño da cidade e “ex-presidente” da deputación (póño-o entre comiñas porque iso aínda non o teño moi claro). E coma en Galicia non somos menos, coma sucede en Italia, temos mafia e témola tamén no sur. Presi e ex-presi cortan o grifo financieiro ó equipo técnico que se ve obrigado a dimitir, chamándolles cobardes aos que abandoaron o barco, e reclamando un adestrador ourensán q non dimita dicindo que se vai de “un equipo poco profesional de barrio y de amigos”. Por que sí, os galegos non somos nacionalistas, iso asústanos e quédanos grande. Os galegos somos amantes das cousas pequenas e por iso o que somos é localistas, ou mellor dito “amiguistas”. Así, O´Padriño e os seus amigos prefiren que o seu clube morra para despois resucitalo e quedar eles de heroes locais.

En Italia o fracaso da política e da dereita mudou ao país cara unha tecnocracia. En España, co novo período absolutista de Mariano I “el deseado”, seguiremos tendo concellos de menos de 1000 habitantes e manterán-se as deputacións pra facer proxectos do que sexa con tal de captar subvencións sen crear desenvolvemento, en cambio reducirán-se funcionarios que fan o mesmo traballo que un cadro ou unha planta e tamén gastos en educación e sanidade, pero curiosamente non tocarán as pensións… E aquí voltamos ó amiguismo. A dereita ten que contentar ao seu maior aliado, o colectivo de indignados máis importante e máis temíbel que existe, o da Terceira Idade. O seu orgullo digno da súa idade non lles permite pensar na súa saúde polo que non lles importa o derogamento da lei da dependencia,  a eles que non lle toquen as pensións e as súas viaxes do inserso que pensan que paga “Feixó” coa súa bondande. E por iso asisten en tromba, despois de asistir ao cotilleo de tra-la misa das 12, aos seus colexios electorais. E aconsellando á xeración do benestar “que vote bien” porque coma nós xa tivemos o  benestar o importante é q agora o teñan eles, e como o seu futuro é máis curto, o noso ten que ser máis negro.

Baixo este ceo gris, ao ritmo que ondean as bandeiras vencedoras en Melide, a dereita galega expándese a maior velocidade cós eucaliptos. Eu asisto como un pobre iluso a unhas multitudinarias xornadas sobre como mellora-la comercialización agraria, mentres o presidente da Xunta dándolle a espalda a Galicia sae en tódolos medios estatais que pode, coa cabeza ben erguida, afirmando que “tenemos una agroindustria muy potente”; e a esquerda galega eternamente dividida observa con asombro a un “monótono fungar” que lonxe de marchar, cunha importante perda de votos no seu partido celebra a permanencia na segunda división do senado coma se fora unha champions league, que diría Zapatero.

E namentres os xornais non deixan de sacar novas sobre o aumento do desemprego e a sangría demográfica galega, igual que o caviar vexetal orixinario destas terras resulta efímero, os vencedores electorais logran o seu obxectivo de conservar esta sociedade chea de patacas vellas e eucaliptos que non deixa madurar especies novas e avanzadas que poidan acabar co seu poder.

Non imos ter caviar pra este Nadal nin tampouco pra o vindeiro ano “mariano” que está a piques de comezar, así que sendo “realistas” (volveme soar mal o termo), o único que nos queda é tomalo coa mellor filosofía, e sobretodo, con bo humor.

Deixa a túa opinión

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.